top of page

#miic2

O uso visual da cor, a representación subxectiva da natureza e o universo feminino, son os tres conceptos xerais sobre os que gravita esta segunda edición da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, MiiC, coa que volvemos achegar a Santiago de Compostela o que se está a facer dentro da área da ilustración de vangarda a nivel mundial. 

​

A través das máis de 200 pezas que compoñen a exposición, a mostra busca resaltar o valor artístico que a ilustración ten como medio de expresión creativa de moitos artistas contemporáneos, constituíndose como unha das ramas de comunicación máis libres e imaxinativas que existen. Un elemento que, ademais, admite un amplo abanico de técnicas e que está en constante evolución. Serigrafías, collages, cerámicas, videoclips, risografías, creacións dixitais, esculturas ou instalacións conceptuais son algúns dos formatos que se poderán ver na mostra, onde destaca a presenza de artistas tan influentes como Christoph Niemann e María Hesse, ou a  escolma colectiva que inclúe aos premiados do festival de ilustración de Londres, ELCAF.  

​

Tamén resalta o papel importante da ilustración feita en Galicia, onde contamos cunha magnífica xeración de artistas que marcan tendencia tanto dentro como fora da nosa comunidade. Laralars, Iria do Castelo ou Bea Lema son algunhas das artistas galegas escollidas para esta edición, que ademais conta cunha sección adicada á ilustración en Abanca, onde destaca o traballo feito por varios artistas galegos para as campañas de publicidade da entidade.

​

Outra das características salientables de esta segunda edición da MiiC é a visibilidade que a mostra lle outorga de maneira natural ao traballo das ilustradoras dentro do ámbito da ilustración creativa. De 16 artistas escollidos para expoñer de maneira individual, 13 son mulleres, o que reflicte a gran repercusión que o traballo feminino ten dentro deste campo. 

​

​

Comisaria:

Matilde Rodríguez

www.ogatocosmico.com

bottom of page