Ukelele Kit Project
Ukelele Kit Project (UKP) é un proxecto colectivo e multidisciplinar no que participan máis de 30 creadores galegos – ou vencellados a Galicia - provenientes do mundo da arte, a música e o audiovisual; 30 creadores que partindo dun obxecto físico concreto, puxeron a traballar a súa imaxinación para dar lugar a un proxecto diferente, orixinal e divertido que se levou a cabo baixo o formato de exposición+ciclo de concertos na Zona C de Santiago de Compostela, do 15 de outubro ó 7 de decembro de 2014, en colaboración co Auditorio de Galicia (Concellería de Cultura de Santiago de Compostela).
A orixinalidade do proxecto radica en que o nexo de unión de tódalas partes é un ukelele, un instrumento de orixe portugués, que colleu fama en Hawai, e que ó non ter en Galicia ningunha carga tradicional nin estética detrás, deulle total liberdade ós artistas á hora de intervilo, configurándose coma un atípico lenzo en branco que lles permitiu ceibar a súa creatividade. Ademais, o ukelele utilizado no proxecto ten a peculiaridade de que é un ukelele montable, que ten a súa orixe nun dos produtos de máis éxito da tenda O Gato Cósmico, impulsora deste proxecto. Un produto englobado na filosofía D.I.Y (Do It Yourself = faino ti mesmo), na que o consumidor participa na fase final da montaxe creando un obxecto único mediante a súa customización.
Así, propúxoselle a 10 artistas que interviñeran, decoraran e montaran un destes ukeleles montables, dando lugar a unha colección de 10 pezas únicas moi diferentes entre si e que mostran os diversos estilos dos seus creadores. Logo diso e, aludindo ó carácter musical que a propia peza ten, propúxoselle a 10 grupos musicais tocar unha canción do seu repertorio utilizando un dos ukeleles da colección, adaptándoa ó instrumento e creando unha versión nova dunha canción xa existente. Por último, propúxoselle a 10 realizadores audiovisuais facer os vídeos das 10 cancións resultantes, 10 vídeos que, partindo dunha idea moi sinxela, mostran a calidade e a creatividade dos seus realizadores.
Na Zona C de Santiago de Compostela estiveron expostos de maneira fixa os 10 ukeleles e proxectados os 10 vídeos. Ademais, en todo o mes de novembro leváronse a cabo os concertos dos grupos participantes mais a actuación especial de Víctor Coyote na derradeira semana de exposición. Tamén se organizou un ciclo de proxeccións de curtas e videoclips dos realizadores participantes.
Comisaria: Matilde Rodríguez / O Gato Cósmico Tenda